sábado, 13 de septiembre de 2014

Saúda do PÁRROCO


Este ano constitúe unha data senlleira para a historia da igrexa de Santa María de Iria, ó conmemorarse o terceiro centenario da reedificación deste templo tan emblemático por cuxo contorno inmediato discorre o Camiño Portugués. É incuestionable que Iria-Padrón constitúen uns dos lugares máis significativos da tradición xacobea, no desenvolvemento da cal ocupan un espazo transcendental, sen pretenderen competir coa importancia e co protagonismo da cidade e catedral compostelás, meta dos Camiños a Santiago e santuario que custodia a tumba apostólica. En todo caso, a historia forxou un vínculo estreitísimo entre Iria Flavia e Santiago de Compostela.
A igrexa de Iria Flavia, Colexiata ata o ano 1851, foi con anterioridade Sé episcopal, como mínimo desde o século VI. En efecto, a diocese iriense irrompe na historia no I Concilio de Braga (ano 561) de forma tan abrupta que fai inverosímil a afirmación dalgúns historiadores, segundo a cal este foi o momento do seu nacemento. Certamente no ano 561 albiscamos a primeira noticia fidedigna que temos dun bispo de Iria Flavia, de nome Andrés, que ó estampar a súa sinatura nas actas do Concilio Bracarense se convertía no primeiro bispo de Iria coñecido. Segundo o parecer dalgún acreditado historiador, este viña sendo bispo de Iria desde o ano 550, ou mesmo antes. Agora ben, no vasto territorio que ocupaba esta Sé, sufragánea da de Braga, hai unha chea de indicios, sobre todo arqueolóxicos e epigráficos, de presenza de grupos cristiáns cando menos desde o século IV. Pero o certo é que con anterioridade a Andrés carecemos de calquera recordo episcopal para a Sé
iriense.

Verbo da tradición xurdida no século XII dos “vinte e oito bispos santos”, que pontificaron en Iria desde os primeiros discípulos de Santiago, Atanasio e Teodoro, ata o devandito Andrés, a historiografía contemporánea sitúanos ante o problema da ausencia de fontes fiables que nos permitan comprobar a súa autenticidade, polo que semella coa máis absoluta probabilidade que se trata máis ben dun relato lendario que dun feito histórico.
Á diocese de Iria Flavia correspóndelle o protagonismo do descubrimento da tumba do Apóstolo entre os anos 820 e 834, baixo o pontificado de Teodomiro. Este feito mudou completamente o rumbo da Sé iriense. Desde a segunda metade do século IX, a súa capitalidade trasládase ó lugar chamado Locus Sancti Iacobi ou Sanctus Iacobus (= Santiago), nome ó que se engadirá despois o de Compostela. Con tal motivo, os bispos de Iria pasan a titularse tamén de Compostela e mesmo da Sé Apostólica. Pero o traslado oficial tardará anos en producirse.

Foi o 5 de decembro do ano 1095 cando o Papa Urbano II declara por medio da Bula Veterum sinodalia extinta a diocese de Iria e crea a diocese compostelá. A mesma Bula converte a nova igrexa en herdeira absoluta de todo canto pertencía á Igrexa de Iria Flavia, sen comportar máis novidade có cambio de nome, Sé e condición xurídica; a ata daquela sufragánea de Braga pasou a selo unicamente da Santa Sé. Esta resolución papal consolidou de dereito o que de feito viña sucedendo, que os bispos xa non se sentían irienses máis que polo título, que incluso algúns suprimían en beneficio do novo, derivado da igrexa do Apóstolo.
En todo caso, de todo este percorrido histórico interésame salientar que a diocese de Iria en canto tal, cos devanditos vaivéns, se estendeu máis de cinco séculos, sendo a precursora da actual diocese de Santiago de Compostela.

Anticipaba ó principio destas liñas que 2014 constitúe unha data importante para a historia da nosa igrexa. O 8 de agosto cúmpreuse o terceiro centenario da reedificación da nova planta e alzado da Colexiata de Iria Flavia, tal e como pode contemplarse case que na actualidade. No seu proxecto interviñeron os arquitectos composteláns Diego de Romay, frei Gabriel de las Casas e Domingo de Andrade, xunto ó hábil mestre de obras Pedro García, ó que o Cabido iriense lle contratou a realización da nova construción.
Esta obra puido realizarse por mor das achegas económicas dos veciños, dos escasos fondos do propio Cabido e, sobre todo, do mecenado do arcebispo compostelán Antonio de Monroy (1685-1715), quen no ano 1714 lle encargou tamén o retablo da capela Maior a un dos grandes escultores e entalladores galegos da época: Miguel de Romay (1670-1740).

Foi precisamente o 8 de agosto de 1714 cando o propio arcebispo Monroy bendiciu a nova igrexa, que substituíu o anterior templo medieval, ocupando practicamente o mesmo predio. O escudo de armas deste prelado benfeitor pódese ver no muro exterior da capela Maior na cabeceira da igrexa.
É o meu propósito que este terceiro centenario (1714-2014) non pase desapercibido e que se poidan celebrar diversos actos conmemorativos. Estou convencido de que o coñecemento da nosa historia nos axuda a entender o presente e a prepararnos para o futuro.

No contexto deste terceiro centenario, xa a principios do mes de maio, principiaron, grazas ás doazóns de tantos veciños e amigos de Iria Flavia, as obras de restauración da imaxe e do retablo da Virxe de Belén, na capela do Sagrario, coñecida entre nos como Capela de Belén, construída no último terzo do século XVIII. A Virxe María na súa advocación da Nosa Señora de Belén, honrada solemnemente cada 24 de agosto, ocupa un lugar privilexiado na devoción de tantas persoas destas terras de Iria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario